
Brais Revaldería presenta “Fillos do Vento. A Rapa” no European Film Festival de Berlín
O cineasta galego afincado en Nova York Brais Revaldería presenta esta semana no European Film Market (EFM) de Berlín, un dos mercados cinematográficos máis importantes do mundo, o seu ambicioso proxecto “Fillos do vento. A Rapa“, que combina o formato de documental cinematográfico cunha innovadora experiencia inmersiva para achegará a Rapa das Bestas de Sabucedo ao público internacional.
“Fillos do vento. A Rapa” está coproducido por Cinexin Studios, Evernia Media, 100 Sutton Studios e wecom e conta coa apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia para impulsar a súa presenza no mercado audiovisual internacional. Precisamente, no EFM de Berlín foi seleccionado para formar parte do stand do Programa Europa Creativa MEDIA da Unión Europea, que facilita o acceso de producións independentes a distribuidores, plataformas e canles de televisión de todo o mundo.
“Desde o ano 2018 acudimos ininterrompidamente á Rapa das Bestas de Sabucedo e este proxecto é o resultado destes últimos sete anos de traballo. Con el queremos reivindicar o patrimonio cultural de Galicia, explorando a loita da comunidade de Sabucedo por preservar a súa Rapa fronte ás ameazas do progreso. A través dun enfoque cinematográfico, visceral e sensorial, o documental captura a esencia desta tradición e a resistencia dunha veciñanza que loita por mantela vila”, explica o cineasta.
Paralelamente, Brais Revaldería considera que a experiencia inmersiva deste proxecto “marca un fito na forma de narrar a tradición da Rapa”, xa que a través de realidade virtual, son 360º e tecnoloxía de captura en tempo real ofrécese unha reconstrución detallada do curro, onde os espectadores poden moverse dentro da area, sentir os cascos golpeando no chan e experimentar a intensidade de todo o ritual como un aloitador máis”.
Estrea en Sabucedo
En canto á estrea do documental, Brais Revaldería avanza a súa previsión: “agora mesmo estamos focalizados na xestión comercial do proxecto para garantir unha distribución o máis potente posible e a nosa intención é realizar unha premier en Sabucedo antes da Rapa deste ano e ogallá poidamos facelo no propio curro”.
“Paralelamente, en Nova York xa amosamos a experiencia inmersiva e temos previsto levala a novos espazos de exhibición cara Semana Santa”, avanza Brais Revaldería. “Por primeira vez, os espectadores poden vivir o curro de Sabucedo en primeira persoa grazas a unha tecnoloxía audiovisual que recrea o ritual cun realismo sen precedentes, transportando ao público ao corazón do evento e permitídonlle sentir a tensión, a forza dos cabalos e a enerxía dos aloitadores como se estiveran alí”, explica.