
O fotoxornalista Óscar Corral, primeiro convidado do TQC
wecom Consultora de Comunicación e Relacións Públicas vén de estrear esta semana o videopodcast “TantoQueContar” (TQC), que arrinca coincidindo co décimo terceiro aniversario da empresa e co propósito de consolidarse como un espazo de creación de contidos de valor en galego aproveitando a participación de convidados/as de referencia en múltiples eidos: xornalismo, cultura, emprendemento, empresa, deporte, educación, etc.
wecom comezou a gravar TQC hai unhas semanas no estudo Edisco, situado no Polígono Industrial de Toedo, e conta coa xornalista Noa García como a cara máis visible do proxecto, xa que é a encargada de conducir as longas conversas cos convidados e convidadas.
No primeiro episodio, que xa se pode escoitar e ver en plataformas como Youtube e Spotify, o protagonista de TQC é o fotoxornalista compostelán Óscar Corral, que traballa no xornal El País en Galicia e que recentemente foi galardoado co Premio Ortega y Gasset de Xornalismo á Mellor fotografía por unha instantánea captada en Alfafar (Valencia) o 12 de novembro de 2024 días despois da DANA.
“A conversa con Óscar non só permite aos ouvintes de TQC adentrarse na profesión dun fotoxornalista, senón que repasa a súa traxectoria persoal a través de fotos icónicas realizadas en acontecementos históricos como o Prestige, o accidente do Alvia, o rescate de migrantes no buque Aquarius, as vagas de incendios en Galicia, etc.”, resume o director de wecom, Alberto J. Rey.
“O podcast é un formato en auxe e desde wecom pretendemos contribuír ao seu despegue en lingua galega creando contido de valor orientado ao entretemento, a inspiración e a formación”, engade. “O noso público obxectivo é principalmente o ouvinte multitarefa, que é aquel que antes escoitaba a radio mentres ía correr, cociñaba, conducía ou ía ao ximnasio, pero que agora pode elixir o tipo de contido que escoita mentres realiza calquera tarefa compatible”, salienta Rey.
Un “influcuerver” arousán
O director de wecom avanza que no segundo episodio do TQC, que se lanzará ao longo da vindeira semana, o convidado será un mozo arousán, Javier Otero, que se autodefine como “influcuerver” e que comezou a coller certa sona hai uns meses nas redes sociais -ten preto de 300.000 seguidores en Instagram- a raíz de compartir vídeos coas mascotas coas que convive: dous corvos e unha cadela loba checoslovaca. “A conversa con Javier Otero vai sorprender a moita xente, porque ademais do seu discurso claramente animalista, conxuga a experiencia dunha repentina eclosión nas redes sociais cun enfoque vital que se sae do convencional e que se caracteriza por unha especial conexión coa natureza”, avanza Alberto J. Rey.