MENÚ
Síguenos
Buscar

TQC

  /    /  TQC

Tanto Que Contar

Un videopodcast en galego con contido de valor

Tanto Que Contar (TQC) é un videopodcast creado por wecom a comezos de 2025 coincidindo co décimo terceiro aniversario da empresa. Trátase dun proxecto orientado a crear contido de valor en galego ao tempo que descubrimos e coñecemos en profundidade persoas con traxectorias profesionais ou historias persoais que resultan enriquecedoras.

En certo modo, Tanto Que Contar é a continuación de iniciativas anteriores promovidas desde wecom para fuxir da inmediatez e a fugacidade coa que devoramos información hoxe en día. Referímonos ás longas entrevistas de Somostribo, compartidas durante o xa remoto confinamento da pandemia, e aos Parladoiros celebrados en 2022 no Teatro Principal da Estrada dentro da programación do seu 75º aniversario.

Nesta nova aventura de TQC incorpórase ao equipo de traballo a xornalista Noa García como a cara máis visible do proxecto e a encargada de converter as entrevistas aos convidados/as en conversas inspiradoras, entretidas e formativas. Polo set de gravación de TQC pasarán a partir de agora tanto persoeiros amplamente coñecidos da sociedade galega como outros convidados con perfís con menor presenza pública, pero igualmente relevantes en eidos como a empresa e o emprendemento, a cultura, o deporte, a moda, a gastronomía, a política, etc.

Con este formato en auxe, que poderedes atopar en Spotify e Youtube, desde wecom buscamos xerar contido de valor para un nicho de ouvintes multitarefa cada vez máis amplo, é dicir, para todas as persoas que escoitan podcasts mentres saen a camiñar, fan exercicio no ximnasio, viaxan no seu coche ou en transporte público, cociñan, planchan, limpan, loitan contra o insomnio, etc.

Agardamos estar á altura das expectativas.

TQC 1: Óscar Corral

TQC 2: Javier Otero

TQC 3: Xaime Rodríguez